Friday 29 de March de 2024

A Xunta adxudica preto de 13.000 metros cadrados de solo no Parque Empresarial de Morás, en Arteixo


— A bonificación do prezo de venda, do 30 por cento, supón o aforro de 634.668 euros por parte das empresas que adquiren o solo

— No parque xa está adxudicado máis do 60 por cento da superficie urbanizada

A Xunta de Galicia adxudicou tres parcelas, cunha superficie total de 12.990 metros cadrados de superficie, no parque empresarial de Morás, en Arteixo. A bonificación do prezo de venda, do 30 por cento, supón o aforro de 634.668 euros por parte das empresas que adquiren o solo.

Unha das parcelas, de 5.949 metros cadrados, foi adxudicada a unha empresa dedicada á distribución, almacenamento e comercio de alimentación, cunha bonificación de 333.738 euros.

Outra das parcelas foi adxudicada para o estacionamento de cabezas tractoras e semirreemolques que non están en itinerario cunha bonificación de 201.474 euros. Contará cunha superficie de 5.168 metros cadrados.

Finalmente, a unha empresa de deseño e fabricación de prendas de vestir adxudicóuselle unha parcela de 1.873 metros cadrados, cunha bonificación de 99.456 euros.

No parque empresarial de Morás xa se adxudicaron preto de 678.000 metros cadrados de superficie, o que supón máis do 62 por cento da superficie total de parcelas urbanizadas.